ciencias-do-mar-1

A través dos talleres ‘Un mar de ciencia na rúa’

Ciencias do Mar achega á sociedade viguesa a súa faceta investigadora

As actividades foron este venres e sábado no centro comercial A Laxe

D. Besadío | Vigo
Que problemas causan os plásticos nos océanos? Cantos anos ten un peixe? Como se moven as masas de auga? Por que o océano está a acidificarse e que efectos ten este proceso? Estas son só algunhas das preguntas ás que se respondeu esta fin de semana nos talleres “Un mar de ciencia na rúa”, actividade que estaba prevista levar a cabo na rúa do Príncipe a pasada fin de semana pero que o mal tempo obrigou a adiar ata este venres é sábado. A cita é nesta ocasión no centro comercial A Laxe e ata alí se desprazou persoal do Centro Oceanográfico de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, da Asociación de Oceanógrafos de Galicia e da Facultade de Ciencias do Mar, incluíndo tanto a persoal docente e investigador como ao alumnado.

“A idea é ensinar a pensar, fomentar mentes exploradoras, curiosas e comunicativas a través da investigación en Oceanografía”, explica Belén Rubio, decana da Facultade de Ciencias Mar, que fai tamén fincapé na necesidade de achegar a actividade investigadora e a ciencia á sociedade e espertar a curiosidade e o interese científico a través da participación cidadá.

Da denuncia dos plásticos nos océanos á concienciación sobre a importancia das dunas

A Facultade de Ciencias do Mar participou nesta actividade con tres talleres: Océanos de plástico, A importancias das dunas e Un océano ácido. “A elevada concentración de plásticos nas augas oceánicas é un dos problemas ambientais recentes máis preocupantes para a comunidade científica”, apunta Rubio, ao tempo que subliña que nos talleres se explicaron as diferentes características dos plásticos que se están a verter ao mar: composición, clase, procedencia… e memo se debateu sobre as principais causas e consecuencias de toda esta problemática.

Explicar aos participantes porque unhas praias teñen dunas e outras non, descubrir que papel cumpren e por que é importante conservalas ou aprender xogando as partes dunha duna e as plantas que acostuman vivir nelas son ideas que tamén terán claras as e os visitantes do segundo dos talleres. “Trátase de motivar aos participantes, independentemente da súa idade, a preocupación pola conservación e o bo estado do litoral e a costa”, explicou a decana de Ciencias do Mar.
No caso do terceiro taller, Un océano ácido, monitores e monitoras céntraronse en explicar os fundamentos básicos do concepto de pH e a súa relación cos seres vivos e en dar a coñecer as consecuencias da acidificacións dos océanos debido á actividade humana.

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Share This