planisferio Cíes

A Xunta instala catro grandes planisferios estelares nas Illas Atlánticas para seguir impulsando o turismo astronómico

Medio Ambiente vén de colocar catro cartas estelares nas illas do Parque Nacional para facilitar e promover a contemplación e interpretación do ceo nocturno

Con esta actuación, o departamento autonómico quere dar continuidade ás actividades previstas para impulsar o turismo astronómico logo de acadar este parque nacional o distintivo de destino Starlight pola Unesco

Cómpre destacar que este tipo de iniciativas gozan dun amplo seguimento, como mostran os máis de 10.000 asistentes ás actividades Starlight o ano pasado

A Xunta de Galicia segue apostando polo turismo astronómico no Parque Nacional das Illas Atlánticas mediante a instalación de grandes planisferios estelares que facilitarán aos visitantes a observación e interpretación do ceo nocturno. En total, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colocou de forma estratéxica catro cartas estelares en cada unha das illas que conforman o Parque Nacional co obxectivo de seguir promovendo a contemplación das estrelas dende un espazo acreditado pola Unesco como destino Starlight. A calidade do seu ceo e o alto grao de conservación e protección do entorno fixeron ao parque merecedor deste distintivo.

planisferio Sálvora

Planisferio instalado na aldea de Sálvora

Coa declaración do Parque Nacional como destino turístico Starlight, o Goberno galego vén impulsando diferentes actividades para enriquecer e aumentar a experiencia dos visitantes nun entorno que goza das mellores condicións para a observación e mesmo o estudo do firmamento. Con esta finalidade, se instalaron catro grandes planisferios estelares, unha ferramenta que permitirá aos usuarios identificar cales obxectos celestes permanecen visibles e cales estarán ocultos nun momento determinado.

Concretamente, estas cartas estelares atópanse no Alto da Campá en Cíes; na zona de Caniveliñas, en Ons; en Punta Fradiño, en Cortegada; e na Aldea de Sálvora. Grazas á súa colocación, a contemplación das estrelas pode realizarse a calquera hora e día do ano, aproveitando unha visita ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Precisamente, o impulso ás actividades para fomentar o turismo astronómico forma parte das liñas estratéxicas contempladas polo órgano conservador do parque dentro da Carta Europea de Turismo Sustentable, que é unha iniciativa coa que se pretende compatibilizar a oferta turística coa preservación dos valores naturais. Neste senso, estase a traballar para desenvolver produtos atractivos para o visitante baseados na observación e contemplación do ceo nocturno e as estrelas.

Deste xeito, organizáronse charlas divulgativas e actividades de fotografía dos ceos durante a noite e están proxectados cursos de formación para guías e a elaboración de material informativo de apoio. Tamén se realizaron rutas starlight con astrónomos amateur con experiencia educativa nas Illas Cíes e nos cámpings deste e Ons se presentaron actividades pata familias e nenos baixo o título Descubrindo os nosos ceos.

Todas estas iniciativas gozaron do recoñecemento do público, como mostran os máis de 10.000 asistentes durante o pasado ano.

Imaxe destacada:

Planisferio instalado no Alto da Campá en Cíes

Share This