castelo de roda paula

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (VIII)

Os seus lugares

Castelo da Roda ou Punta do Castelo

Trátase dos restos dunha das dúas baterías situada na costa da illa, nun esporón natural orientado cara á ría de Pontevedra, ao norte da praia de Curro. Consta de un só corpo de garda. Está asentada directamente sobre a rocha nai de granito, actuando, ao mesmo tempo, como parede de fortificación natural.

Portela Pazos describe, deste xeito, estas dúas baterías:

“Vense ruínas de dos castillos o fortalezas: uno en la aldea de Curro, y en la de Pereiro el otro”. (Portela 1954, 71).
O Castelo da Roda ten a planta ten forma de “U” de base redondeada, ou de media lúa, orientada ao leste. Cara o oeste estes muros prolónganse de forma paralela. Está construída a base de pedra de cantería de granito ben escuadrada, incluso con algunha peza ciclópea, sen argamasa entre as mesmas. Conserva parte da construción orientada ao leste, o que se correspondería coa media lúa, así como o muro sur. Pola contra, no muro norte hai un gran derrube. Parte das pedras dos muros procedentes desta batería están dispersas polo cantil, parte dispersa pola contorna e parte espoliada e reutilizada noutras construcións da illa. Polo oeste, está o acceso actual ao elemento construtivo, pero descoñecemos se era una das entradas orixinais ao recinto.

Na toponimia e no rexistro oral, os restos das dúas baterías atopadas en Ons aparecen denominadas como “castelo” ou “castillo”. Dende o punto de vista morfolóxico correspóndese cunhas das tantas” baterías” militares que hai dispersas por toda a costa coa función de orientar a vixilancia e o seu potencial ataque cara ao mar, dominando visualmente os puntos de acceso á costa dende os que se controlaba calquera movemento dos barcos.

Na actualidade, este elemento forma parte dun dos puntos de interese marcados nunha das rutas que se ofrece ao visitante na illa, denominada “Ruta do Castelo”. É por isto que esta atalaia atópase visitable e é de doada localización polas sinais indicativas que van guiando o percorrido da ruta.

Álvaro das Casas (1931, 169) recolle unha lenda que di que “por embaixo da súa plataforma de granito sae un camiño que, por embaixo do mar chega á costa de Portonovo”.

Imaxe destacada:

Restos castelo da Roda © CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Share This