Capítulo 5 (Cambios na ocupación de Ons I ). A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

  /  BIBLIOGRAFÍA   /  Capítulo 5 (Cambios na ocupación de Ons I ). A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

Capítulo 5 (Cambios na ocupación de Ons I ). A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 5

A súa historia (Cambios na ocupación de Ons I)

5000-1500 a.C.

Petróglifo de Chan da Pólvora, con círculos, coviñas e restos de círculos concéntricos con coviña central.
Aparición nos anos 50 de dous machados de talón da Idade do Bronce.

cazoletas

Coviñas no petróglifo de Chan da Pólvora © Santiago Boado Aguinaga

800 a.C.-S.I d.C.

Castro de Castelo dos Mouros, un asentamento fortificado da Idade de Ferro. En superficie aparece material indíxena e romano.

Lapas dun cuncheiro do castro.

Lapas do cuncheiro atopado no alto do “Castrelo dos Mouros” © Santiago Boado Aguinaga

S. I – V

Xacemento romano de Canexol. Posible manufactura de salgadura de pescado, intimamente relacionada coa actividade pesqueira e comercial da illa co resto das illas e co continente.

Restos-salga-canexol-min-1024x680

Restos factoría romana de salgado © Suso Framil

S. IV – XV

Sepulcro antropomorfo de Laxe do Crego, escavado nunha roca granítica emprazada no mar, a 120 m da praia, podéndose acceder a ela a pé só en baixamar. Tapa do sepulcro antropomorfo, con relevo tipo estola.

Sartego antropomorfo na Laxe do Crego.

Sartego antropomorfo na “Laxe do Crego” © Santiago Boado Aguinaga

899

Na doazón da illa realizada por Alfonso III á Igrexa de Santiago menciónase a igrexa de San Martiño, o que supón un posible indicativo da súa ocupación. [Lucas Álvarez, M. (1997), La documentación del Tumbo A de la catedral de Santiago de Compostela. Estudio y edición, Madrid, documento 18, pp. 87-91]

1553

Consérvase un documento que recolle as dilixencias realizadas despois de que uns veciños da illa de Ons atoparan unhas moedas antigas de cobre. Segundo isto, neste momento a illa estaría ocupada. [Arquivo Histórico Nacional (1553), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D. 3]

1562

Os escribáns públicos da Lanzada outorgan poderes a outros dous escribáns para que poidan exercer o seu oficio na illa de Ons, o que parece apuntar cara a continuidade na ocupación da illa que nos indica a evidencia documental dunha década antes (se é precisa a presenza de escribáns, é de supoñer que será porque hai veciños que vaian precisar dos seus servizos). [Arquivo Histórico Nacional (1562), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D.9 (-10)]

1584

O xuíz de residencia da illa de Ons fai unha requisitoria ao xuíz ordinario de Cangas para que aprese a un ermitán de dita vila baixo a acusación de caza furtiva de coellos na illa. Figura como testemuña desta acusación Juan de Germade, veciño de Ons, e ordénase que o acusado sexa detido e enviado ao cárcere da illa. [Arquivo Histórico Nacional (1584), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D. 14]

1598

No Libro III de Visitas do Arcebispo do ano 1598 recóllese a presenza de 19 fregueses en Santa María da illa de Ons, dentro do Arcediagado do Salnés.
«Santa Maria de la Ysla Dons
Esta feligresia de Santa Maria tiene 19 feligreses. Los frutos lleva la cura presentacion por fuero o feudo de la dignidad arçobispal cuya es la Ysla de la heredera menor de Antonio Sarmiento la qual paga à la dicha dignidad lo dicho cada ano.»
[Arquivo da Catedral de Santiago (1598), Visitas del arzobispo Libro III 1598, IG- 277, f. 186 vº]

1603- 1604

De novo grazas a dous procesos xudiciais contra dous veciños da zona costeira (un de Santa María de Adina, Sanxenxo, e outro da Lanzada) por pasto e caza ilegal en Ons temos información sobre a súa ocupación. Neste caso, máis concretamente do seu abandono, que se tería producido en torno a eses anos pola presenza de piratas: lo que saben los testigos por haber bibido en dichas Islas de Ons y Puerca asta que entró en ellas el Corsario. [Arquivo Histórico Nacional (1603- 1604), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D.21]

1677

Constátase de novo o despoboamento de Ons a través da concesión dun foro para traballar a illa; nel delimítase a súa extensión e o que hai nela, que non é máis que terra, pasto e leña. Grazas a este documento compróbase que non hai unha ocupación estable da illa, pero si unha explotación dos seus recursos, situación que se mantería ao longo do que queda de século e do século seguinte. [Arquivo Histórico Nacional (1677), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D. 28]

1710

Continúa a situación anterior: a illa segue sen estar habitada de forma permanente, pero si se dá a explotación dos seus recursos, feito do que temos noticia grazas a unha escritura de arrendamento a favor dos veciños de Portonovo para a tala da leña. [Arquivo Histórico Nacional (1710), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D.30]

1750- 1754

Destes anos son as Respostas Xerais do Catastro do Marqués da Ensenada, un interrogatorio que se realizou entre 1750 e 1754 a todas as poboacións de Castela como paso previo a unha reforma fiscal. Nel a illa de Ons aparece adscrita á xurisdición da Lanzada, e dise que está deshabitada e que se aproveita dela o pasto e o toxo. Tamén se mencionan os restos existentes na illa como indicativos dunha ocupación previa.
Faise unha descrición tanto xeográfica como da situación da illa, con datos sobre as súas dimensións ou a distancia á terra máis próxima, que se di é a freguesía de Santo Estevo de Noalla. Dentro da descrición da xurisdición da Lanzada figura un mapa no que se recollen as parroquias que a forman así como a illa de Ons na entrada da ría. Na illa non se debuxa ningunha igrexa, o que parece indicar que a que segundo a documentación habería de épocas anteriores fora destruída. Tamén se fai referencia ao que parece ter sido o motivo de abandono da illa, a incursión de embarcacións inimigas: «(…) parte del solo produze pasto, de que se aprovechan Generalmente, quantos quieren llevar à ella Ganados Mulares y Cerriles; nolo ejecutando, con los Lanares y Bacunos por el rezelo de que los Roven,y extraigan las embarcaziones enemigas que suelen hazer aguada en dicha Isla, y ampararse de ella, contra el temporal; (…)». A información que ofrece este interrogatorio é moi exhaustiva, ata o punto de indicar por exemplo que se extraían uns dous mil carros anuais de toxo da illa.
[Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (1750-1754), Sección Catastro da Ensenada, Interrogatorio, C- 548/ 3-1, f. 19 e 29, e Real de legos, L-117 (sen paxinar)]

1787

Telmo Gago Montenegro presenta un escrito como apoderado do seu irmán Antonio Manuel Montenegro, señor da illa de Ons, no que se solicita a retirada do gando que se atopa pastando ilegalmente nela, e que pertencería a veciños da xurisdición da Lanzada. De novo, a través dun procedemento xudicial podemos observar como parece que a situación se mantén e se repiten os acontecementos: a illa segue deshabitada, pero os seus recursos seguen a resultar atractivos para os veciños das zonas costeiras máis próximas. [Arquivo Histórico Nacional (1787), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D.33]
Séculos XVI, XVII e XVIII
Ademais das referencias documentais, ao longo destes tres séculos atopamos evidencias materiais que nos falan da actividade na illa.
En Canexol atopouse un arco con gravado. Trátase dunha peza de granito tallada en forma de arco, inserida na parte interior dun muro medianeiro dunha construción auxiliar. Ten a seguinte inscrición: “SANTA MA”, en letra humanística de cronoloxía entre o s. XVI e XVII.

gravado-canexol

Arco con gravado nun alpendre de Canexol © CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Imaxe destacad: © Santiago Boado Aguinaga

Share This