© Suso Framil

Golfiños comúns en augas da illa de Ons

“Cando os golfiños se achegan ás illas”

Os cetáceos coma golfiños e arroaces, os máis frecuentes nas nosas costas, son mamíferos adaptados á vida mariña.

Contamos con ata 20 especies de cetáceos habituais. 

Algunhas destas especies viven nas nosas costas e outras están de paso migratorio cara a outras áreas mariñas.

A través destas imaxes constatamos a presenza do golfiño común (Delphinus delphis) en augas do arquipélago da illa de Ons, na bocana da ría de Pontevedra. Fotografías capturadas por Suso Framil.

Dentro do grupo dos cetáceos, nas nosas augas, temos especies que son máis habituais ca outras, caso do golfiño común (Delphinus delphis) por exemplo; e por suposto do arroaz (Tursiops truncatus). Tamén aparece o golfiño riscado (Stenella coeruleoalba), o caldeirón (Globicephala melas), o arroaz boto (Grampus griseus), a toniña (Phocoena phocoena) ou o cachalote (Physeter macrocephalus).

O golfiño común (Delphinus delphis) é das especies máis numerosas, tanto na nosa costa como por desgraza en demasiados varamentos. Aínda que se achege ás nosas rías e illas, é unha especie máis oceánica ca o arroaz (Tursiops truncatus).

Así, o golfiño común é abundante en augas de profundidade media por fóra da rías, nas augas costeiras exteriores. É na primavera cando se adentran en augas das nosas illas e rías, acudindo en pequenos grupos, aínda que viven agrupados, puidendo chegar a formar mandas de varios centos de exemplares.

Poden acadar unha lonxitude de ata os 2,30 metros superando en ocasións os 100 kg de peso. Destaca tamén pola súa coloración, que é negra polo dorso cunha banda de tonalidade amarela en ambos costados ata a metade do corpo, onde vai mudando cara o gris. O seu ventre é branco.

Así todo, os máis habituais á nosa vista, os máis costeiros e doados de observar son os arroaces (Tursiops truncatus). Estes poden acadar os 3,5 metros de lonxitude. Son bastante máis grandes que os golfiños comúns (Delphinus delphis), os protagonistas destas imaxes.

Tamén o fuciño do golfiño común destaca por ser moito máis alongado ca o do arroaz, máis chato.

A dieta destes mamíferos mariños está composta principalmente de peixes miúdos e cefalópodos.

Estímase a súa lonxevidade entre os 25 e 30 anos.

 

Premer sobre as imaxes para as poder ampliar:

Imaxes:

© Suso Framil

Share This