© Paco Álvarez

Cando o ceo escurece acéndese o faro de cabo Silleiro

En 1862 comeza a construcción do primeiro faro de cabo Silleiro, inaugurándose en 1866. Os seus restos son aínda visibles no cabo do mesmo nome a rentes do mar, na parroquia de Baredo en Baiona. Contaba cunha lámpada de mecha que utilizaba aceite vexetal, que foi o seu primeiro combustible, substituído en 1909 por unha lámpada de petróleo.

En 1924 inaugurouse o novo edificio nun alto para mellorar a súa visibilidade, a 85 metros sobre o nivel do mar e a uns 250 da beira da punta da Negra.

O novo faro de Silleiro, foi deseñado xa, conforme  aos novos criterios, coas súas paredes brancas. Pero as inclemencias do tempo e o deterioro provocado pola proximidade ao mar, requería dun constante mantemento polo que se decide revestilo con azulexos, imitando o estilo innovador do faro da illa de Sálvora, cuxas franxas vermellas e brancas son moi útiles en canto ao seu avistamento e identificación desde o mar, adquirindo así o faro de Silleiro, en 1929, a imaxe característica que presenta na actualidade.

En 1926 dótaselle dun sistema de radio-faro mediante o cal emitía un sinal de radio que permitiría aos barcos, en combinación coa marcación doutros sinais, establecer a súa posición exacta no mar. Sistemas de posicionamento que resultarán moi valiosos en tempos de guerra, tanto na Guerra Civil española (1936-1939) como na II Guerra Mundial (1939- 1945), básicos na navegación ata a implantación, moitos anos despois, dos actuais sistemas de posicionamento por satélite.

Outro salto tecnolóxico chega ao faro de Silleiro a través da electricidade, aínda que o sinal sonoro de néboa, a serea, xa estaba alimentada por electricidade a través dun grupo electróxeno independente, mentres que o faro, seguía funcionando con petróleo ata a definitiva electrificación en 1932

En 1959, o seu servizo de axuda á navegación vese incrementado coa instalación dunha estación meteorolóxica, e na década dos anos 80 dótaselle dunha estación de rexistro da ondada, estación que recolle datos dunha boia fondeada a milla e media do faro que rexistra a altura das ondas.

Desde 1960 ten unha lámpada de 3.000 watios que se pode ver a 30 millas con tempo despexado.

Actualmente, o faro, sen torreiros e totalmente automatizado, depende da Autoridade Portuaria de Vigo.

Podes ver tamén:

Outra perspectiva do cabo Silleiro (Baiona)

Solpor atlántico dende o faro de cabo Silleiro

Illas Estelas e Cíes dende Cabo Silleiro, Baiona

Cando o sol se agocha no océano Atlántico

Trailer da curtametraxe “Torreiros, os guardiáns da Ría”

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Imaxe:

© Paco Álvarez

Share This