Cambios na propiedade de Ons (II). Capítulo 5. A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

  /  HISTORIA   /  Cambios na propiedade de Ons (II). Capítulo 5. A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

Cambios na propiedade de Ons (II). Capítulo 5. A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 5

A súa historia

Cambios na propiedade de Ons II

1810- 1812

Grazas a unha serie de oficios relacionados coa fortificación das illas de Ons e Onza con motivo da Guerra de Independencia podemos comprobar como o Cabido da Catedral de Santiago de Compostela se reafirma como propietario de ditas illas. Nestes oficios, o Cabido, a quen como propietario correspondería tal labor, refusa facerse cargo da fortificación por falta de capital, pero ofrécese a permitir a fortificacion, poboación e cultivo da illa a quen o solicite, a cambio dun pequeno canon.

[Arquivo da Catedral de Santiago (1810- 1812), “Isla de Ons. Antecedentes sobre su posesión 1810- 1836”, en Islas de Sálvora y Ons. Documentos sobre su pertenencia 1791-1836, IG- 423 (sen paxinar)]

Ao mesmo tempo, atopamos unha petición á Xunta Suprema do Reino por parte de Manuela Correa de Sotomayor como titora do seu fillo Antonio Manuel Montenegro, na que solicita que non se lles impida, na súa calidade de propietarios, o aproveitamento da illa de Ons como consecuencia da construción de fortificacións. Achega documentación relativa ao foro concedido pola Igrexa de Santiago para xustificar eses dereitos que reclama.

[Arquivo Histórico Nacional (1810), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D.34]

1833- 1834

Destes anos consérvase un expediente no que se recolle unha disputa pola posesión das illas, na que estarían implicados tres axentes: o Cabido de Santiago, tres veciños que se asentaran recentemente na illa e os herdeiros daqueles que refuxiaran nela con motivo da Guerra de Independencia.

Trátase dun expediente iniciado por dous veciños de Santo Tomé de Piñeiro (Marín, Pontevedra) e un de San Estevo de Noalla (Sanxenxo, Pontevedra), que denuncian ante a raíña rexente a súa situación: tras o fin da ocupación francesa abandonaron a illa os que se asentaran nela para protexerse durante a guerra, e Ons volveu quedar deshabitada. Uns anos despois e movidos pola necesidade, estes tres homes comezaron a roturar e traballar as terras insulares, e cando comezaron a ser rendibles os herdeiros dun daqueles que se foran refuxiar na illa, D. Francisco Genaro Angel, empezaron a esixirlles o pago de rendas, amparándose nas accións coas que se fixera aló polo ano 1812 o dito señor para colaborar na fortificación da illa.

A resposta do goberno é sinxela: que queden coas terras roturadas a cambio do pago dun canon ao Estado. Pero entón entra en escena outro implicado: o Cabido de Santiago de Compostela, que se considera o propietario das illas e fai de novo a relación dos documentos que apoian esta posesión, aclarando que con motivo da Guerra de Independencia si aforaron terreos da illa, pero sen renunciar aos dereitos de propiedade sobre a mesma. Engaden ademais que recentemente acordaron volver aforar as terras da illa, e que por iso os promotores do expediente acoden á raíña. A decisión real, comunicada polo Ministro de Interior o 27 de xullo, pasa por que o Cabido, recoñecido como propietario das illas, respecte a propiedade dos terreos roturados por estes tres veciños a cambio do pago dunha renda, mentres non saia a sentencia do tribunal de Cangas.

[Arquivo Histórico da Deputación de Pontevedra (1834), “Roturacións en Ons”, 349/ 1 (sen paxinar)]

1835

Varios veciños de Santo Tomé de Piñeiro e Santa María de Ardán (Marín, Pontevedra), e de Santa María de Cela (Bueu, Pontevedra) que roturaran ilegalmente certos terreos en Ons recoñecen á Casa de Montenegro como propietaria das illas, e máis concretamente a Javier Martínez, VIII Marqués de Valladares e á súa esposa, Joaquina Montenegro.

[Arquivo Histórico Nacional (1835), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D. 38]

1836- 1844

Durante a desamortización, a Igrexa renuncia á propiedade de Ons. O Marqués de Valladares, casado coa herdeira de Antonio Sarmiento de Montenegro, consigue facerse coa propiedade da illa grazas ao foro de 1562, despois dunha disputa na que tamén participaron os herdeiros do xa mencionado Francisco Genaro Ángel.

[Portela Pazos, Salustiano (1954), “Apuntes para la historia de la Isla de Ons”, Cuadernos de Estudios Gallegos T. 9, pp. 35- 73]

1837- 1844

Case en paralelo ao cambio de propiedade consecuencia do proceso desamortizador ten lugar unha querela relativa á adscrición municipal das illas, que se disputarían os concellos de Bueu e Sanxenxo. No proceso vense implicados catro axentes: os mencionados concellos de Bueu e Sanxenxo, o Marqués de Valladares como propietario da illa e os propios veciños da mesma.

Finalmente, a Deputación de Pontevedra inclínase por vincular a illa ao concello de Bueu, como solicitaba o seu propietario.

Consérvanse dous expedientes que nos sitúan ante dúas fases diferentes da disputa. De entrada, é o concello de Sanxenxo o que no 1837 e ante o abandono e falta de control administrativo sobre as illas pide permiso á Deputación Provincial para comezar a exercer certo control sobre os habitantes, por medio de medidas como a realización dun censo ou a elaboración dun padrón de xornaleiros. A Deputación resolve favorablemente e desde 1837 a illa queda vinculada ao concello de Sanxenxo.

Porén, a tranquilidade non dura moito, xa que no 1842 un grupo de veciños do Morrazo que traballan as terras da illa piden que esta sexa agregada ao distrito municipal de Bueu, ao que se sentían máis vinculados. Dous anos máis tarde será o propio dono das illas (o Marqués de Valladares) quen solicite a unión a Bueu. Despois dun proceso longo e complexo, do que conservamos escritos e informes das catro partes implicadas, a Deputación inclínase por dar a razón ao propietario da illa, e pon fin ao conflito ordenando a vinculación administrativa das illas de Ons a Bueu.

[Arquivo Histórico da Deputación de Pontevedra (1837- 1844), “DIVISIÓN TERRITORIAL. Expediente sobre la agregación de la ISLA DE ONS al ayuntamiento de SANXENXO”, 387/ 9 (sen paxinar) e Arquivo Histórico da Deputación de Pontevedra (1844), “Ayuntamiento de Bueu. Expediente promovido por Francisco Javier Martínez, Marqués de Magallanes, para que las islas de Ons y Onza, de su propiedad, se segreguen del A. M. de Sanxenxo y se incorporen al de Bueu. (Concedido)”, 385/ 33 (sen paxinar)]

Imaxe: © Santiago Boado Aguinaga

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

 

Share This