Cruz-4

Breve aproximación á etnografía dos habitantes da illa de Ons (I)

A illa de Ons, chegaría ao seu máximo demográfico no ano 1955, cun censo de 535 habitantes.

Pertence territorialmente ao concello de Bueu, en concreto á parroquia de Santa María de Beluso.

Estes habitantes, descendentes do século anterior, foron quen de ir conformando unha cultura de seu, que se reflexa na súa identidade e singularidade.

A illa, conta cun hábitat poboacional disperso, aínda que agrupadas as casas por barriosCurroCañoCanexolPereiróChan da PólvoraCucornoMelide e Centulo, onde destaca a cantidade de hórreos con celeiro existentes, dando conta da extensión que acadaban os cultivos.

As vivendas, eran casas dun andar, con orientación leste, encaladas de branco, tellado a dúas augas e pequenas fiestras para evitar os ventos do norte e a salinidade, sendo aínda exemplo vivo, da vivenda terrea da costa galega, xunto a construcións adxectivas como muíñoscanastroslavadoiroscortes ou alpendres.

Trala vivenda de dous andares do barrio de Canexol, a chamada Casa reitoral, delimitada por dous grandes hórreos, estaba o espazo onde se celebraban até os anos 60 as festas. Esta edificación de dous andares pasou por ser vivenda dos caseiros dos marqueses donos da illa, escola e vivenda da mestra, pedanía e mesmo a taberna “A Cana” segundo a época.

Os veciños dos diferentes barrios reuníanse nestas tabernas, na vella ermida, onde se atopa o cemiterio, na matanza do porco, nas vodas ou nas festas de San Xaquín que se celebraban no adro da festa, onde non faltaban as bombas de palenque, as gaitas, bombos e pandeiretas, e tamén se cantaba, bailaba ou se xogaba á chave. Existía un grupo folclórico, “Airiños de Ons”.

A diversidade da procedencia dos veciños de Ons, a principios do século XX, dende o Barbanza até O Morrazo, a insularidade á que se viron sometidos, certo illamento ( o punto mais próximo entre a illa e o continente é Punta Faxilda a 3,5 km, sen obviar os temporais con illamento obrigado durante un tempo indeterminado) e a carencia de servizos espirituais ou sanitarios, que non sempre estiveron garantidos (inexistentes ou irregulares, e discontinuos no tempo) iría conformando esta cultura única. Unha grande identidade, que polo tanto foi mesturando crenzas pagáns cristiáns, creando á vez esa cultura propia.

A insularidade, magnificaba crenzas que tamén se daban no continente. Así, algunhas tan habituais do rural galego, eran aquí, se cabe, magnificadas, polas condicións ás que nos referiamos, como a tan arraigada da Santa Compaña, vínculo entre o mundo dos vivos e dos mortos, que avisa da chegada da morte dalgún veciño. Tamén o mal de ollo, para o que existían numerosos remedios, así como outras supersticións e cantidade de lendas mitos, asociados a diferentes lugares como o Buraco do Inferno ou á Cova dos Mouros, que causaban certa desazón entre os habitantes de Ons, que foron quen de ir facendo crecer estas crenzas, lendas, mitos e realidades.

Ler tamén: Breve aproximación á historia da illa de Ons (I)

Imaxe destacada:

© Santiago Boado Aguinaga

Galería:

© Santiago Boado Aguinaga e © PNMTIAG (plano)

 

 

Share This