Bautismo 1

Procedentes de 15 comunidades, participan no Campus Científico de Verán de Campus do Mar

Bautismo científico mariño para 118 rapaces e rapazas de toda España

Este luns chegou o primeiro grupo que, ao longo da semana, realizará saídas de campo e traballos de laboratorio

M. Del Río | Vigo
Un verán máis, o campus de Vigo convértese no escenario para o bautismo científico de máis dun cento de rapaces e rapazas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato de toda España que participan no Campus Científico de Verán de Campus do Mar. Repartidos en catro quendas dunha semana de duración, este luns aterrou en Vigo o primeiro dos grupos, con 32 estudantes, que foron recibidos polo reitor da Universidade, Salustiano Mato e polo director do Campus do Mar, Emilio Fernández. O obxectivo deste campamento estival é potenciar o interese de estudantes pola ciencia e a innovación. Cada luns de xullo chegará a Vigo un novo grupo de estudantes de secundaria que repartirán o seu tempo entre os laboratorios do campus, a Ecimat e a ría de Vigo, xa que moitas das actividades de recollida de mostras terán lugar en diferentes puntos da costa e a bordo das embarcacións para investigación mariña coas que conta a Universidade de Vigo.

No acto de benvida o reitor desexoulles unha boa estadía e que “o apetito por coñecer o mundo do mar aumente día a día” para que “poidades nun futuro mergullarvos moito máis no océano” e animounos a regresar á Universidade de Vigo se finalmente apostan por formarse no mundo do mar e da oceanografía. Pola súa banda, Emilio Fernández, explicoulles a orixe e obxectivo do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar, que aposta por “agregar todas as capacidades de docencia e investigación mariña de Galicia e o norte de Portugal”. Adiantoulles que durante esta semana traballarán como o fan os investigadores e investigadoras da Universidade, desenvolvendo as tarefas científicas propias da investigación mariña, nos mesmos laboratorios e cos mesmos medios e equipos cos que contan os profesionais. Nesta primeira xornada, e antes de que cada grupo comezase o seu proxecto investigador, coñeceron o equipo de profesoras de Ciencias da Educación e do Deporte que os guiarán e asesorarán de cara á sesión de presentación de resultados que realizarán ao finalizar a súa estadía. En total, dez grupos de investigación do Campus do Mar, pertencentes á Universidade de Vigo e ao Instituto Español de Oceanografía, traballarán durante todo o mes cos estudantes de secundaria e bacharelato.

Andalucía, Castela León e Madrid, procedencias maioritarias

Dos 118 participantes do Campus Científico de Verán, Andalucía é a procedencia máis numerosa (30), seguida de Castela León e Madrid (18). Así, chegarán a Vigo rapaces e rapazas de 15 comunidades autónomas, todas excepto Navarra e A Rioxa. A característica máis destacada dos participantes son as súas excelentes cualificacións, xa que como explican dende a organización “todos e todas teñen unha nota media de expediente superior a 9,4 e varios deles cun 10”.

Para a maioría destes adolescentes o Campus Científico de Verán de Campus do Mar é a súa primeira toma de contacto coa investigación, a ciencia e o I+D e unha posibilidade para espertar e consolidar vocacións profesionais futuras. Por este motivo o Campus do Mar participa nesta convocatoria de Campus Científicos de Verán, impulsada Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) en colaboración coa Fundación La Caixa, por sexto ano consecutivo. A organización deseñou un programa que se repetirá para cada unha das quendas e que se divide en catro actividades científicas, de xeito que en grupos de sete ou oito estudantes desenvolverán un destes proxectos e rematarán cunha presentación de resultados ao final da semana. A primeira das actividades é A vida a través dos organismos mariños, a través da cal os estudantes realizarán mostraxes a bordo da embarcación Kraken I e experimentos de laboratorio, empregando as mesmas técnicas e equipos analíticos que se utilizan nos traballos de investigación neste ámbito científico. Unha praia: moito máis ca area e auga é a segunda das actividades e pretende que os rapaces e rapazas coñezan as características dos areais, realizado perfís topográficos, recollendo sedimentos e posteriormente analizando estes para coñecer as características xeolóxicas e sedimentarias das praias. A terceira das actividades programadas leva por nome E ti, de quen es? e trata de achegar aos alumnos e alumnas á utilización de técnicas comúns nun laboratorio de xenética molecular para que sexan capaces de aplicar estas metodoloxías dentro dun contexto real e de actualidade como é o estudo da biodiversidade. Os participantes basearanse na pegada de ADN para identificar especies nun ecosistema mariño e determinarán a variación xenética dentro de cada unha desas especies.Finalmente, o programa péchase con Invádennos, e agora que?, unha proposta científica para estudar os principais efectos asociados ao cambio global, como a extensión e consecuencias das especies invasoras. Este taller inclúe varias saídas de campo a espazos costeiros dunares e pradarías para realizar mostraxes e traballo insitu.

Polas mañás os estudantes combinan os traballos nos laboratorios nos seus respectivos proxectos cos grupos de investigación con saídas de campo e, polas tardes, participarán en obradoiros, actividades de deporte e lecer, visitas ao Museo do Mar de Galicia, un bautismo de surf, etc. Por outra banda, e tras as boas valoracións de edicións pasadas, repítese a experiencia da realización dun obradoiro de comunicación impartido por docentes da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación, que lles axudarán a crear e executar presentacións de proxectos e traballos dun xeito máis efectivo.

FOTOGALERÍA:

Fonte:

Duvi

Share This