IMG_5470-min

Aros (I). O Aro carolo en Mar de Aves

Aros Alcidae

Os aros pertencen á familia dos álcidos, que son un grupo de aves mariñas de tamaño mediano ou pequeno, propias das altas latitudes do Hemisferio Norte. Son aves compactas de cor negra nas partes superiores e branca nas inferiores. En terra pousan dereitas á semellanza dos pingüíns. De feito o nome de pingüín procede dun álcido do Atlántico Norte desaparecido pola acción humana na metade do século XIX, o alca xigante (Pinguinus impennis) que a diferencia dos seus parentes era incapaz de voar.

Ás curtas e estreitas que non lles dan para planar, polo que no seu voar baten as ás constantemente a gran velocidade. Pasan moito tempo pousados na auga. Por debaixo da auga desenvólvense con moito xeito, impúlsanse coas ás e mergullan ata decenas de metros de profundidade.

Son piscívoros e consumen fundamentalmente peixes peláxicos. Pasan a vida no mar e só se achegan a terra para criar, polo común en cantís rochosos de illas e illotes. Poñen un único ovo ao ano.

Na plataforma continental fronte as Rías Baixas e norte de Portugal (ata os 30-40 km da costa) seica invernan miles de álcidos, a meirande parte deles xuvenís procedentes de colonias das illas Británicas e Noruega.

As especies máis habituais nos mares galegos son o aro dos cons o aro carolo e máis o aro papagaio (Fratercula arctica), aínda que este último moi lonxe da costa, contra o límite da plataforma continental. A única especie a criar en Galicia é o aro dos cons, en gravísimo perigo de extinción. As outras son exclusivamente invernantes.

carolos

Carolos (Alca torda) © Manuel Agulla Rodríguez

alca

ARO CAROLO (Alca torda)

ALCA / TORDA-MERGULHEIRA / RAZORBILL
Alca torda

40 cm de lonxitude × 65 cm de envergadura. As partes superiores (lombo, dorso das ás e cabeza) son de cor negra e as inferiores de cor branca. No inverno meixelas e gorxa viran a branco. O bico é negro, forte, aplanado e sen punta. Os xuvenís aseméllanse aos adultos na plumaxe de inverno.

O carolo é un álcido propio do Atlántico Norte. Non cría na Península Ibérica, onde é relativamente común como invernante.

Nas augas da plataforma continental de Galicia e norte de Portugal inverna un continxente numeroso de carolos. Atópanse relativamente preto de terra polo que o carolo adoita ser o álcido máis abundante nas augas interiores das Rías Baixas e no espazo marítimo do Parque Nacional.

Ao redor da cuarta parte das vítimas directas do petróleo derramado polo Prestige no inverno de 2002-2003 foron carolos. Estímase que só nas augas galegas morreron preto de 20.000 aros por causa do Prestige, a meirande deles xuvenís nados en colonias da Gran Bretaña e Irlanda.

Alca

Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas

Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas

Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla

Imaxe destacada: carolos (Alca torda© Manuel Agulla Rodríguez

Share This