Areal-de-Rodas. Pedro Figueras

O areal máis grande, famoso e recoñecido das illas Cíes e do conxunto do Parque Nacional.

Augas tranquilas, cristalinas e a súa fina area conforman un lugar idílico para os baños de sol, de auga e mesmo para o paseo á beira do mar. Alguén dixo que ao pisar esta area semella reproducirse o son dun violín.

No seu momento foi tamén chamada praia dos Pescadores, xa que alí varaban as súas embarcacións.
Conta cun sistema de dunas acotado onde destaca a cría da ameazada píllara das dunas.
Este areal une as illas de Montefaro ou do Medio coa de Monteagudo ou Norte.

Suma uns 1200 metros de lonxitude por uns 60 metros de ancho coa marea baixa.

Xunto á praia de Rodas ou dos Pescadores, existen nas illas Cíes outros areais, todos con diferentes características. Así, contamos tamén cos areais de Figueiras ou dos Alemáns, a praia dos Viños, dos Bolos ou da punta das Vellas, Nosa Señora ou do Chuco, Areíña ou das Monxas, Area Grande de Muxieiro, A Cantareira ou tamén As Margaridas. E a de San Martiño na illa Sur.

Share This