igrexa vella ons 2

 

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (XII)

Os seus lugares

Antiga igrexa de San Xaquín

A antiga igrexa de San Xaquín está situada no barrio de Canexol onde tamén está o camposanto. Actualmente está pechada ao culto. Foi reemprazada nos anos 60 pola nova igrexa situada en Curro.

A igrexa é de planta rectangular, coa cabeceira orientada ao noroeste e os pés ao sueste, non respondendo a orientación utilizada no rito cristián no que a cabeceira se sitúa no nacente e os pes no poñente. Ten unha soa nave na distribución interior. O material construtivo é cantería de granito. Os esquinais e o zócalo están reforzados de cantería de granito de mellor factura. Moitas das pezas de cantería conservan as marcas de canteiro de careado dos bloques. Unha das pezas do esquinal sueste ten gravada a letra “J”.

Ten tres vans: sobre a porta de entrada, orientada cara ao sueste, un pequeno van circular; os outros dous vans correspóndense con pequenas fiestras, unha en cada lateral á altura da cabeceira, ambas cun lintel que sobresae. No alzado do muro pódese apreciar que, nunha remodelación do teito, se lle botou altura á igrexa, na que se lle puxeron bloques de pedra de menor tamaño. A cuberta é a dúas augas con tella do país.

A fachada, pintada de branco, ten unha espadana conformada por tres pezas de granito e recubertas parcialmente con cemento. Ten un único van e un lintel continuo do mesmo material. Na parte posterior á cuberta ten como remate unha cruz de pedra. Presenta un fuste de tres corpos. A cruz ten sección cuadrangular e os remates dos brazos poliglobulados.

No entorno da igrexa disponse o camposanto. Segundo narra Portela Pazos (1954, 67) a xente que morría na illa era levada ata o cemiterio parroquial de Beluso ata que en 1863, por mor dun temporal, un cadáver non puido ser trasladado e o enterraron ao norte da capela da illa. Dende entón ata os anos 70 do século XX foron enterrados nese camposanto. Parece ser que detrás da igrexa hai unhas lápidas sen nome e que veñen a ser dalgúns dos mortos procedentes do naufraxio do “Barsac” e que polo temporal que había naqueles días non se puideron trasladar a terra firme, dándolle alí sepultura.

Todo o conxunto está pechado por un muro perimetral de bloques de granito construído na década dos 50 do pasado século. A porta de acceso é unha cancela feita en ferro forxado. O espazo exterior do acceso conforma unha zona aberta, a modo de atrio natural, unicamente delimitado por un valo, na marxe esquerda do camiño.

Imaxe destacada: vista exterior igrexa e parcial do cemiterio © Santi Boado Aguinaga

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

 

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Share This