Alumnado de Ciencias do Mar aposta por unha aprendizaxe dinámica a través do programa Live Science!

  /  ACTUALIDADE   /  Alumnado de Ciencias do Mar aposta por unha aprendizaxe dinámica a través do programa Live Science!

Alumnado de Ciencias do Mar aposta por unha aprendizaxe dinámica a través do programa Live Science!

Arrancou cunha visita guiada á ENM de Marín e unha exposición de malacoloxía

Alumnado de Ciencias do Mar aposta por unha aprendizaxe dinámica a través do programa Live Science!

Un curso sobre tartarugas e mamíferos mariños entre as actividades máis destacadas

Leticia Castro | Vigo
“Hai moitas actividades interesantes no Live Science!, pero se teño que destacar algunha decantaríame polo curso sobre tartarugas e mamíferos mariños impartido polo CEMMA ou a videoconferencia coa Antártida”, explica Uxía Vázquez, da Delegación de Alumnado da Facultade de Ciencias do Mar e unha das organizadoras da iniciativa de divulgación científica Live Science! posta en marcha hai agora dous anos por un grupo de alumnos e alumnas do centro, que comprende a organización de numerosas actividades: relatorios, exposicións, cursos, visitas guiadas…O programa, que se desenvolve na súa meirande parte nas instalacións do Edificio de Ciencias Experimentais, arrancou co segundo cuadrimestre cunha visita á Escola Naval de Marín, saída que rexistrou unha grande afluencia, e cunha exposición de malacoloxía que poderá visitarse ata finais deste mes.

Tartarugas mariñas e conexión coa Antártida

As actividades programadas no Live Science! apostan por temáticas relacionadas coa titulación de Ciencias do Mar “que teñan unha visión máis ampla das materias multidisciplinares da mesma”, subliña a responsable da Delegación de Alumnado. Trátase polo tanto dunha iniciativa que ademais de divulgativa é formativa, e que ten por obxecto dar a coñecer os proxectos do persoal investigador do centro e a maneira en que os levan a cabo. Entre as propostas máis destacadas figuran un curso impartido polo CEMMA sobre tartarugas e mamíferos mariños, para o que aínda non hai unha data confirmada. “É unha actividade moi interesante, ademais dunha aposta segura”, subliña Vázquez, posto que xa se realizou na facultade un curso destas características no mes de decembro “e houbo xente que se quedou con ganas de facelo”, subliña. Tamén a videoconferencia coa Antártida, na que intervirán os docentes Jesús Souza, Mariano Lastra e Jesús López, que terá lugar o 23 de febreiro, é outra das actividades estrela. A conexión co continente xeado realízase por segundo ano consecutivo, “e logo do éxito do ano pasado, estamos convencidos de que cumprirá as expectativas”, explica a alumna.

live science 1

Alumnado de Ciencias do Mar aposta por unha aprendizaxe dinámica a través do Live Science! Algunhas das compoñentes da Delegación de Alumnos de Ciencias do Mar

As propostas contemplan tamén relatorios como o que vai impartir esta semana Menchu Comas, profesora de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas, que leva por título Mujeres explorando el océano: una experiencia cercana, actividade que se celebra con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. O día 15 será o turno do profesor Rafael García, da Universidade de Girona, que dará unha conferencia sobre Desarrollo de Tecnología al Servicio de la Exploración Submarina. Unha exposición de cefalópodos prevista para marzo e un concurso de fotografía submarina, con data aínda por confirmar, serán outras das actividades da programación do Live Science! que se estenderá ata finais de maio.

Valoración positiva da anterior edición

Co fin de medir a aceptación que ten o programa, a Delegación de Alumnado realizou o ano pasado unha enquisa entre os asistentes que amosou resultados moi favorables. Segundo apunta Vázquez, “a valoración foi de 8,5 puntos, unha nota sensiblemente superior á da primeira edición e o 94,4% dos participantes afirmaron que desexarían repetir as actividades”. Con estes datos enriba da mesa, o alumnado da Facultade de Ciencias do Mar agarda que as actividades deste ano teñan unha boa repercusión, e que se cumpra o obxectivo de “espertar vocación no ámbito oceanográfico”, explican, “e tamén axudar na aprendizaxe de maneira entretida e dinámica”.

 Imaxe destacada:
 © Dieguito Ge Eme
Share This