polbo usc

Investigadores da USC participan nun proxecto europeo sobre a cadea de valor e o consumo responsable de cefalópodos

O mercado europeo é un dos destinos máis importantes para as diferentes especies de cefalópodos, de aí que as pescarías destes produtos pesqueiros estean medrando neste continente de forma substancial tanto en termos de volume de capturas como na súa relevancia comercial e socioeconómica.

A pesar disto, estas pescarías continúan a ser a menos estudadas tanto no sur –onde constitúen unha fonte de alimento para consumo humano cada vez maior– como no norte de Europa, xa que historicamente foron especies capturadas como descartes ou by-catch no marco da Política Pesqueira da Unión Europea. Ademais, sábese que este tipo de pescarías son de grande importancia para a pesca artesanal, onde o 50% do volume total das capturas son realizadas pola flota artesanal.

Para reverter esta situación, investigadores de varios grupos de investigación da USC participarán no proxecto europeo ‘Cephs and Chefs’ sobre a cadea de valor e o consumo responsable de cefalópodos recentemente concedido polo programa INTERREG. En concreto, están implicados os membros do Grupo de Análise Económica dos Mercados e Institucións (AEMI) Manel Antelo e Sebastian Villasante e o profesor Jacobo Feás, do grupo Valoración Financeira Aplicada (VALFINAP).

O obxectivo do proxecto, cun orzamento de 800 mil euros, consiste en desenvolver técnicas e ferramentas prácticas para as administracións e a industria pesqueira con vistas a coñecer as características da cadea de valor, a comercialización de cefalópodos, os actores involucrados, o emprego xerado, os perfís dos consumidores e as barreiras e oportunidades de negocio para os produtores e comercializadores. O traballo da cadea de valor será coordinado polos membros do Grupo AEMI da USC.

O proxecto tamén abordará os factores biolóxicos, como o estado do recurso; institucionais, como os mecanismos de xestión pesqueira; e comerciais, como as preferencias dos consumidores, “ todos eles claves que afectan á comercialización e consumo responsable de cefalópodos”, explica Villasante. Ademais, desenvolveranse mecanismos de avaliación integrada das pescarías de cefalópodos na Unión Europea.

USC Xornal

 

Share This