A píllara das dunas está criando no litoral da costa galega

  /  NATUREZA   /  A píllara das dunas está criando no litoral da costa galega

A píllara das dunas está criando no litoral da costa galega

A píllara das dunas está criando no litoral da costa galega

As imaxes deste vídeo de Ecología Azul mostran un exemplar de píllara das dunas ou píllara papuda (Charadrius alexandrinus) alimentándose na praia de Monte Branco en Camariñas ( A Coruña).

Esta ave limícola tamén está representada no Parque Nacional Marítimo Terestre das Illas Atlánticas de Galicia, por unhas poucas parellas repartidas entre os arquipélagos de Cíes e Salvora.

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) aniña nos areais do litoral da costa galega aínda que de maneira escasa. Atópase así, nunha situación catalogada como VULNERABLE e incluída no Libro Vermello das Aves de España nesa categoría. Aparece ademais considerada como “De interese especial” no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas. A Xunta de Galicia aprobou un Plan de Conservación en 2014.

A nosa protagonista, a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) mide sobre uns 15 cm de longo. Conta cunha plumaxe parda grisácea, moi clara no dorso e coas partes inferiores brancas. De peteiro e patas negras ou gri¡ses.

Aliméntanse principalmente de vermes, insectos, moluscos, pulgas de mar ou de pequenos peixes que procura capturar cando se retiran as ondas. É cando a podemos observar correndo velozmente sobre a beiramar, co corpo un tanto agachado.

É moi característico e chamativo o seu voo, moi áxil á par que veloz. O seu movemento pousado é nervioso.

Aniñan de abril a agosto, sobre a area de praias e dunas do litoral, poñendo normalmente uns tres ovos de cor parda moi clara con manchas negras e grisáceas. É habitual que as femias repitan a posta buscando outro macho na procura da supervivencia da especie.

Así, as píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus) gustan de aniñar no primeiro cordón ou cinto dunar das praias (duna primaria). Este niño non resulta máis ca unha pequena depresión na area con forma de cunca e forrada de pequenos restos de cunchas. Os ovos e os pitos logran un gran mimetismo neste entorno.

Hoxe en día, ante esta preocupante e delicada situación, e especialmente na época de cría, préstaselles unha atención especial por parte de, sobre todo, diferentes asociacións e grupos ecoloxistas que tratan de lograr que as postas da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) saian adiante na medida do posible.

Vídeo: Exemplar de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) alimentándose na praia de Monte Branco en Camariñas por Ecología Azul

Share This