divulgare expertos 1

O Grupo Divulgare da Universidade lanza un novo vídeo no marco do proxecto europeo Mariner

Divulgando sobre a necesidade de contar con persoas expertas en caso de accidentes marítimos con vertidos de substancias perigosas

Duvi | Vigo 
A importancia de contar co asesoramento de persoas expertas no caso de que se produza un accidente marítimo con vertidos de substancias perigosas, é o obxectivo do último vídeo do Grupo Divulgare da Universidade de Vigo. A peza audiovisual, que xa está dispoñible na canle de Video do equipo que dirixe o docente e investigador do Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas Luis Navarro, insírese no marco do proxecto europeo Mariner (Enhancing HNS preparedness through training and exercising), cofinanciado pola Comisión Europea a través da Dirección Xeral de Axuda Humanitaria e Protección Civil e no que xunto co Cetmar e a Universidade de Vigo, participan o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar); o Servizo de Gardacostas de Galicia; o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Ciimar) da Universidade de Porto; o Centre de Documentation, de Recherche et d’Expérimentations sur les Pollutions Accidentelles des Eaux (Cedre) de Francia; a compañía lusa Action Modulers e Public Health England (PHE). O seu obxectivo é mellorar a capacidade de resposta ante vertidos químicos mediante o desenvolvemento de plans de adestramento e resposta coordinados entre distintas rexións da Europa atlántica, como Reino Unido, Francia, España e Portugal, mellorando a cooperación rexional na planificación, preparación e resposta a derrames de substancias nocivas e potencialmente perigosas (SNPP), forman sensibilizando e potenciando a transferencia dos resultados de I+D.

Coordinación e adestramento das persoas expertas

“O transporte marítimo de produtos químicos é perigoso e a miúdo, cando hai un accidente marítimo, a falta de experiencia para resolver este tipo de problema deriva en situacións de caos e alarma social, que podería resolverse de xeito eficiente deixando a súa resolución nas mans de persoas expertas”, sinalan desde Divulgare. As e os investigadores consideran que coa información da que se dispón na actualidade é posible adoptar plans de resposta rápidos e efectivos para as denominadas Substancias Perigosas e Nocivas e apelan ao “traballo coordinado dos profesionais mellora os protocolos e asegura unha respostas máis eficiente ante as emerxencias”, sinalan, ao tempo que inciden na importancia do adestramento para mellorar as habilidades das partes implicadas na resposta ante un accidente destas características. Neste sentido, lembran desde Divulgare, que Galicia, grazas a proxectos como Mariner, dispón dun grupo de persoas expertas para actuar nestas situacións, que adestran constantemente para estaren preparados no caso de que ocorra calquera continxencia.

Share This