laxe do crego pedro 1

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (VI)

Os seus lugares

A Laxe do Crego

Sepulcro antropomorfo illado, escavado nunha rocha granítica emprazada no mar, a 120 m aproximadamente da praia Area dos Cans, podéndose acceder a ela a pé só en baixa mar. Esta rocha ou illote destaca na paisaxe porque nunca se cubre polo mar, e pola súa cor clara, debido a súa exposición ao sol, o salitre e as deposicións das aves mariñas.

O sepulcro presenta unha forma rectangular, de orientación norte – sur, cun reborde perimetral resaltado, coas esquinas redondeadas, aínda que probablemente estea desgastado pola acción marítima e orixinariamente foran cadradas. As paredes do sartego son bastante verticais, aínda que a base estréitase levemente respecto á boca. A base é plana e a ruptura é cóncava. A zona da cabeza, orientada ao norte, ten unha forma ovalada, creando unha semicircunferencia, coas paredes e ruptura cóncavas e a base semiplana. Neste extremo norte do sarcófago tamén se recoñecen os restos dun tramo de fuste procedente posiblemente dunha cruz. Ten sección cuadrangular e presenta restos de formigón na base do mesmo. No seu extremo oposto, ao sur, tamén distínguese un pequeno rebaixe de forma semicircular, como para encaixar os pés. Esta orientación norte – sur non é a usual xa que, por norma, a cabeza oriéntase cara oriente, lugar por onde sae o sol e polo que aparecería Deus no xuízo final, segundo o rito cristián, (leste – oeste) en relación tamén coa saída e posta do sol.

laxe do crego paula

A Laxe do Crego en fronte de Area dos Cans, nunha rocha na que so se pode acceder en marea baixa © CSIC

Descoñécese cal é a orixe deste sarcófago. Podería ser que na súa contorna inmediata existira algún convento ou antigo edificio de carácter relixioso pero a espesa cuberta vexetal na zona na que podería haber restos impide facer un recoñecemento máis exhaustivo para así poder detectar posíbeis evidencias que sosteñan esta hipótese. Segundo A. das Casas (1934, 169) “A tradizón di que antigamente a terra adiantaba aínda ben mais da laxe, e que neste lugar había un fermosísimo mosteiro que se esborrallou cando os franceses”. É un texto que nos fala da forte erosión da costa, e que o sepulcro estaba en terra firme, polo que pode cambiar bastante a interpretación en base a o seu emprazamento actual.

Laxe-do-Crego-1

 

Detalle sepulcro antropomorfo da Laxe do Crego © Santiago Boado Aguinaga

Finalmente destacar que, pola falta de máis vestixios e doutros datos, non se pode afirmar que se trate dun sepulcro para un abade ou persoa relixiosa, xa que tamén puido ser utilizado para dar sepultura a unha persoa civil de distinguido rango, á que se lle pode atribuír unha cronoloxía medieval.

Segundo referencias orais, a este sarcófago pertence unha tapa que actualmente se atopa no Centro de Visitantes da Illa de Ons, e que contan que foi recollida no Areal dos Cans.

Imaxe destacada:

© Arquivo da Luz Atlántica

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Share This