Equipo investigación 1

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

 Capítulo 2

A investigación e o equipo de traballo

 

Neste traballo preséntanse algúns resultados dos estudos feitos na Illa de Ons sobre a documentación, rexistro, valorización e vulnerabilidade do seu patrimonio cultural. Este estudo enmárcase dentro do proxecto “Procesos de formación e cambio da paisaxe cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia” (HAR2010-22004) do Plan Nacional I+D do Ministerio de Ciencia e Innovación,realizado polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) del Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Este proxecto céntrase no recoñecemento e estudo dos procesos socio-culturais que transformaron a paisaxe do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, en concreto, do arquipélago de Ons. Esta investigación ten un plantexamento interdisciplinar que integra diferentes contribucións científicas desde a antropoloxía, historia e arqueoloxía para caracterizar o patrimonio cultural das illas. Cada perspectiva mantén as súas particularidades metodolóxicas, pero a coordinación do proxecto está feita dende a súa vertente antropolóxica para garantir a visión holística do enfoque, partindo do presente e do traballo de campo etnográfico coa poboación actual, para profundizar no seu pasado.

O arquipélago de Ons, ademais de formaren parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e seren, como tal, unha paisaxe natural protexida, é depositaria dunha paisaxe cultural insólita conformada por entidades arqueolóxicas de especial relevancia e por unha paisaxe tradicional constituída polas actividades agrícolas, gandeiras e mariñeiras levadas a cabo polos poboadores da illa ao longo do tempo, e que se plasman tanto na cultura material como na tradición oral.

A comprensión do pasado do arquipélago de Ons, dende un punto de vista arqueolóxico, histórico e antropolóxico permítenos comprender os procesos de poboamento máis antigos e, consecuentemente, os procesos de formación e de transformación que se deron nesta paisaxe. Ou dito doutro xeito, o obxectivo deste traballo é:

-Comprender as formas e os elementos da paisaxe cultural da illa.

-Recuperar datos debidamente contextualizados no seu medio.

-Comprender os procesos de cambio ocorridos nun amplo período de tempo.

Debemos destacar que este traballo leva implícito a idea de que a paisaxe da illa é unha paisaxe cultural, resultado da acción social sobre o medio natural. Polo tanto, este estudo leva consigo a necesidade de artellar formas de conservación, de estudo e de divulgación, mediante unha xestión da paisaxe como recurso vivo, na que os seus poboadores sexan protagonistas activos.

Os antecedentes deste traballo están nun proxecto realizado no 2009 “Estudo arqueolóxico e etnográfico da paisaxe cultural da illa de Ons (Bueu, Pontevedra)” financiado, parte polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, parte polo Incipit-CSIC, e cuxa memoria foi entregada na Xunta de Galicia en maio de 2010. Nese momento, e tamén en etapas posteriores do proxecto, fixemos un traballo de campo no que conxugamos a prospección superficial arqueolóxica co traballo de observación participante coa comunidade insular, ao tempo que tiñamos en conta a documentación histórica na que iamos encaixando os datos obtidos.

Neste amplo proceso de traballo e de estudo participamos moitos investigadores e persoal colaborador. Grazas a eles está sendo posible indagar no pasado pero tamén no presente da illa e dos seus moradores:

Paula Ballesteros-Arias, levou a cabo as direccións das actuacións arqueolóxicas, formou parte do grupo de traballo de campo etnográfico, e coordinou a realización desta aplicación e das visualizacións e redaccións da información.

 

Mariña Bermúdez Beloso, encargouse das tarefas de baleirado bibliográfico e de documentación histórica da illa de Ons, así como de dotar de contidos a parte histórica do presente traballo.

Alejandro Güimil-Fariña, forma parte do equipo técnico e colabora no tratamento da información arqueolóxica e xeográfica.

Cristina Cancela Cereijo, formou parte do equipo técnico e do tratamento da información arqueolóxica.

Virginia Castro Hierro, formou parte do equipo técnico e do tratamento da información arqueolóxica.

Felipe Criado-Boado, formou parte da dirección científica dos proxectos vinculados a este estudo.

Elías López-Romero, formou parte do equipo técnico e do tratamento da información arqueolóxica. Foi o realizador do estudo de vulnerabilidade do patrimonio cultural que realizou xunto con Marie-Yvone Daire do CReAAH, Universidade de Rennes.

Juan Martín Dabezies, realizou a maior parte das vídeo-gravacións feitas na illa así como a realización do vídeo Ons: mar, terra e identidade que aparece nesta aplicación.

Anxo Rodríguez-Paz, levou a cabo a realización dos debuxos dos materiais arqueolóxicos localizados na illa, e colabora no deseño e organización da parte histórica do presente traballo.

Cristina Sánchez-Carretero, investigadora principal do proxecto no que se encadra este estudo, coordinou o traballo antropolóxico e formou parte do grupo de traballo de campo etnográfico.

Ademais este traballo tamén foi posible grazas a moita xente que desinteresadamente colaborou e colabora con nós, aos xestores e xestoras e aos traballadores e traballadoras do Parque Nacional facendo sempre posible que o noso traballo se faga sen complicacións, a Ángela Ballesteros por abrirnos as portas dos isleños, a Santiago Corral por termos sempre actualizados do que sucede na illa, a Xurxo Mouriño polo seu coñecemento da natureza. Pero, sobre todo, queremos mostrar o noso agradecemento á xente da illa, sen ela, sen a súa acollida e hospitalidade, non sería posible facer este traballo e moito menos deste xeito tan gratificante.

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace.

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Share This