© Rey Daluz

A herba de namorar tapiza e colorea a illa de Sálvora

Poderiamos dicir con esta estampa que nos regala Fernando Rey Daluz, que máis vale unha imaxe que mil palabras. Aínda así preferimos tentar de describila e interpretala para así procurar un maior rédito

Ría de Arousa. Arquipélago da illa de  Sálvora no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Atopámonos de fronte cunha rocha colonizada por liques (Caloplaca marina) e mais unha parella adulta de gaivota patiamarela (Larus michaellis) subida enriba da mesma. Á dereita está a escultura da Serea e ao fondo o cruceiro, a capela e o pazo.

En primeiro termo, chámanos a atención a presenza de comunidades de herba de namorar (Armeria pubigera), a nosa protagonista principal desta vez, tamén coñecida nalgúns lugares coma herba preñaceira ou empreñadeira, nun medio onde esta planta perenne medra formando pequenos matos ou montículos moi compactos duns 20 ou 30 cm en forma de almofada para se protexer do vento. En xeral ubícase na parte superior dos cantís e ao longo da costa, na beiramar, ata onde chega o salitre en forma de pingas de mar. Tamén o fai en marismas, xunqueiras, e en solos xeralmente areosos. Son un auténtico exemplo de adaptación ao medio no que viven.

A herba de namorar (Armeria pubigera) vive por tanto nos cantís mariños, en rochedos litorais, en lugares secos, en dunas ou solos areosos e salobres. Así, está adaptada á forte exposición o vento, a salinidade, a insolación, a vida na area e a seca. Ademais xurde en ambientes moi pobres en nutrintes e retención de auga, polo que conta con grosas e fortes raíces que favoren a súa fixación e almacenan reservas para os tempos de carestía.

Cando colonizan o medio en ambientes areosos poden chegar formar grandes comunidades. Desta maneira sucede en distintos lugares do arquipélago de Sálvora, onde ocupan superficies moi amplas creando grandes tapices que cando florecen son dunha extraordinaria beleza.

A floración resulta entre os meses de abril e xullo, e nalgunhas ocasións mesmo no outono.

Subliñar que a herba de namorar (Armeria pubigera) é un endemismo das costas do Noroeste da Península Ibérica, en conreto, de Galicia e Norte de Portugal. É dicir, a súa presenza só se atopa en estado natural neste ámbito xeográfico en todo o mundo.

Estas poboacións de herba de namorar (Armeria pubigera) están en risco de desaparición pola destrución dos nosos ecosistemas costeiros e pola introdución de especies vexetais alóctonas e invasoras. Este último exemplo témolo precisamente en Sálvora, onde a herba do coitelo (Carpobrotus edulis), orixinaria das dunas litorais do Sur de África e que foi introducida con fins ornamentais na época de ocupación do pazo, está sendo combatida de maneira permanente dende o Parque Nacional, tratando así de lograr a súa pronta erradicación polos danos que ocasionaba sobre o medio, ocupando o lugar de especies autóctonas.

Ademais a herba de namorar (Armeria pubigera) tamén forma parte do noso patrimonio cultural. Segundo conta o imaxinario popular, esta planta é efectiva para remediar o mal de amores ou desamor, e de aí entendemos o seu nome común e popular.

Seica din que para lograr o efecto desexado habería de se apañar a herba namoradeira preferentemente para a noite de San Xoán, meténdoa no peto da persoa cobizada sen que se dera conta. No século XXI existen métodos moi diversos para non ter que recurrir neste caso á tradición. Esta planta está protexida e non se pode arrincar. A tradición tampouco se pode esquecer.

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Imaxe: 

© Fernando Rey Daluz

Luzlux

Share This