_LZX1347-min

A gaivota patiamarela xa deu comezo á primavera no Parque Nacional

Moitas das aproximadamanete 16.000 parellas de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) que crían no Parque Nacional xa reocuparon os seus niños o pasado mes de marzo para comezar este mes de abril co período de reproducción e cría, que se prolongará ata finais de xullo e principios de agosto. Xunto ao corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) é a ave máis emblemática do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e a máis abundante e doada de observar.

Rendémoslle a través desta preciosa estampa de Fernando Rey Daluz a nosa particular homenaxe. A imaxe presenta un exemplar adulto reprodutor enmarcado nun solpor, destacando as matas da herba de namorar en floración (Armeria pubigera) nun primeiro plano. É primavera.

Na nosa estancia nas illas podemos apreciar algúns dos diferentes estados do ciclo deste período de reprodución e cría, as cópulas das parellas, algúns niños das que deciden situalo á beira dos camiños, os 2/3 ovos pardos que chocarán durante un mes, a eclosión, o nacemento, os poliños nidífugos, a protección, formación e coidado por parte da parella e mesmo a emancipación. É un ciclo completo.

Na visita ás illas debemos ter en conta que nos atopamos no seu medio, no seu ecosistema e hábitat. Por iso teremos que respectalas e compre por tanto prestar especial atención neste período de reprodución e cría que agora comeza, cando defenden con celo os seus intereses. Así, non podemos proporcionarlles alimento, molestalas ou incomodalas. Están na súa casa. Nós, somos invitados privilexiados que debemos limitarnos neste caso, a desfrutar da súa presenza e contemplar a certa distancia e con respecto.

Podes consultar tamén:

NATUREZA: A gaivota patiamarela. Introdución

NATUREZA: O corvo mariño cristado. Introdución

NATUREZA: Aproximación ás colonias de aves mariñas do Parque Nacional

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Imaxe: 

© Fernando Rey Daluz

Luzlux

Share This