A forestación das illas Cíes modificou ecosistemas e cambiou a paisaxe (I)

  /  HISTORIA   /  A forestación das illas Cíes modificou ecosistemas e cambiou a paisaxe (I)

A forestación das illas Cíes modificou ecosistemas e cambiou a paisaxe (I)

Xa dende principios do século XX existía unha grande insistencia e obsesión sobre unha suposta e apremiante necesidade de plantar árbores nas illas Cíes. Argumentábanse fins estéticos e de aproveitamento forestal.

Unha primeira presentación sobre as circunstancias que rodearon a plantación de árbores nas illas Cíes dende comezos do século XX. Afondaremos no tema próximamente revelando datos sorprendentes.

Eran as illas Cíes ata entón, un lugar onde predominaban a matogueira, algúns pasteiros e pequenos bosquetes e rodais de salgueiros, abruñeiros, sabugueiros, loureiros ou cerquiños, case sempre ligados a espazos húmidos ou a regatos que existían.

Non será ata os anos 40 cando se comecen a introducir especies forestais. Pero algo que era experimental, a partir de 1952 en adiante, convertéuse en realidade. Decidíuse cultivar e plantar masivamente nas tres illas, non sen poucos esforzos contra natura. Estes traballos forestais levaríanse a cabo principalmente na década dos anos 60 e 70.  Aínda así hai evidencias de piñeiros plantados nas Cíes nos anos 20/30.

Eran e son especies exóticas, alóctonas e invasoras como eucaliptos, piñeiros e acacias, que foron substituíndo outros ecosistemas en beneficio de especies que desprazan á flora autóctona e empobrecen máis o chan. Chegan mesmo a secar zonas húmidas, fontes e regatos que antes eran bastante abondosos en Cíes. Sen embargo hoxe son escasos, canalizados ou secos. Unha seca que se fai máis patente en época estival con poucas precipitacións e temperaturas altas. A auga doce en Cíes escasea, antes non, era relativamente abondosa.

Os cultivos de especies alóctonas nas illas nunca foron produtivos e o único que achegaron foi sombra. Son masas arbóreas moi frondosas, con escasa biodiversidade. Non son bosques, son plantacións.

Hoxe estas “especies invasoras” combátense amodo, facendo clareos e procurando evitar a erosión do terreo.

Ademais esta forestación anticiparían o abandono das illas por parte da poboación insular, que viu minguados os seus pasteiros, cultivos e regos. Namentres se ía modificando a paisaxe das illas Cíes.

Continuará…

Ler II parte

Imaxe: Pedro Figueras.

Share This