cova da moura 1 paula

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (I)

Os seus lugares

A Cova dos Mouros

Tamén chamada pola xente da illa O Buraco dos Mouros. Trátase dunha cova con lenda asociada, situada dentro do ámbito de extensión do Castrelo dos Mouros, ao sur do primeiro foxo. A esta cova accédese por medio dunha estreita fenda que hai entre dúas laxes graníticas, hoxe en día cuberta de vexetación. A través desta fenda accédese a un pequeno recinto onde, cara ao oeste, parece que, a través dun estreito pasadizo, accédese a un segundo recinto. Esta é unha cova que dou lugar a unha lenda na que o imaxinario popular conta que hai un túnel que vai dende esta cova ata o illote de O Cairo situado no medio do mar, enfronte de Canexol, que pola súa forma e tamaño destaca entre o resto das rochas da súa contorna. De feito, o topónimo de cairo (=dente canino) viría da súa forma característica de petón apuntado. É dicir, estase a unir de forma imaxinaria o castro cun illote que está no mar a través dunha canle imaxinaria.
Esta lenda xa foi recollida por Álvaro das Casas (1934):

“Outro mozo -e sinto en verdade non lembrar o seu nome- contoume que no buraco dos mouros gárdase moito ouro e pedraría. Moitos veciños teimaron procuralo e alá foron cabar semáns enteiras, máis cando adiantaban un pouco no seu traballo por embaixo da terra, apagábanselle os lumes: e porque dentro moran os trasnos da illa que sopran todal-as luces cando se xulgan descobertos. Nesta coba -díxome a vella de 68 anos Ramona Domínguez- a miña nora que andaba co seu gando a pacer viu un crego todo revestido cun bastón na man; a miña nora tremeu e berrou pol-o seu pai toda arrepiada, e o pai díxolle: non teñas medo mina filla que é un encanto” (das Casas 1934, 173).
Portela Pazos (1954) describe a cova deste xeito:

“Al final del primer tramo de tal pasillo encuéntranse tres o cuatro escalones, en descenso. Siguen otros varios tramos, también con escalones al final de cada uno; no se sabe cuántos, porque nadie se atreve a pasar del tercero, ya que, al llegar a éste, se apaga la luz de aceite o de velas, bien por corriente de aire, que no se aprecia, o por falta de oxígeno. De desear sería que se procediese a una exploración científica” (Portela Pazos 1954, 72).
Así mesmo, Irene Patiño Otero, veciña de Ons, nunha entrevista feita no 2007, falábanos da cova deste xeito:

“Eu escoitaba dos antiguos que había un túnel que ía dende o Buraco dos Mouros, que baixabas por unhas escaleiras que alí había e ías a dar O Cairo por debaixo do mar. Cando eramos pequenos e íamos co gando a pastar por alí, íamos ao buraco e baixabamos polas escaleiras pero, cando se facía escuro, escapabamos correndo para fóra. Escoitabamos da xente que alí estivera que no buraco había moito ouro pero nós nunca o miramos…”. (Ballesteros 2009, 87).

Imaxe destacada:

Interior da Cova dos Mouros

© CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace.

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Share This