cobra viperina 1

A cobra viperina sofre adaptacións específicas á insularidade nas Illas Atlánticas de Galicia

A cobra viperina (Natrix maura) foi sufrindo dende hai uns 9000 anos, cando as illas se agrupan en pequenos arquipélagos rodeados de auga, adaptacións específicas ao illamento e á insularidade, polo que é quen de habitar aquí o medio mariño, tolerando o sal e mesmo acadando un maior tamaño.

O seu nome, viperina, fai referencia a que esta cobra trata de imitar, para se defender dos seus posibles depredadores, o comportaneto dunha víbora.

Así, a cobra viperina luce un chamativo deseño dorsal en zig zag e mostra unha actitude defensiva, achantando a cabeza, que fai lembrar ás víboras aínda que é inofensiva. Do mesmo xeito que as outras dúas cobras presentes nos diferentes arquipélagos do Parque Nacional, a cobra lagarteira (Coronella girondica) e a cobra de escada (Elaphe scalaris). Todas resultan beneficiosas e inofensivas, e non se deben molestar xa que se atopan no seu hábitat natural e están protexidas.

Estas cobras das illas adéntrase con normalidade na auga do mar, nas charcas de marea e no litoral rochoso para capturar pequenos peixes que lle sirven de alimento formando parte fundamental da súa dieta. Tamén é quen de nadar e mergullar no mar. Un comportamento  esencialmente mariño que ten sorprendido aos investigadores. No continente non se coñece esta interacción da cobra viperina co medio mariño.

Destacar tamén que na illa de Onza, no arquipélago de Ons, mediuse ademais o maior exemplar coñecido na Península Ibérica. Acadou 1 m e 0,2 cm de lonxitude cando o habitual é que as poboacións continentais non superen os 65/68 cm.

Este pasado verán (2017) visitou a illa de Ons un equipo de herpetólogos liderado polo profesor titular da Universidade da Coruña Pedro Galán para realizar un estudo de campo nas illas de Ons e Onza sobre a cobra viperina (Natrix maura) en relación á súa abundancia, morfoloxía e adaptación aos medios mariños a través da análise da súa fisioloxía na regulación do sal. Trátase dunha especie que presenta un modo de vida nas illas do Parque moi distinto ao dos seus conxéneres de terra, adaptándose a unha dieta e modo de vida esencialmente mariño (Seguimiento poblacional de anfibios y reptiles en el Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia).

A continuación presentamos un pequeno extracto do comportamento da cobra viperina a través destes documentos gráficos capturados na illa de Ons polo biólogo Gustavo Cochón.

Vídeo 1

Vídeo 2

Imaxes: © Gustavo Cochón

Share This