estudantes

Organízanse actividades na ETSE de Minas, no Cinbio e en Ciencias do Mar

A celebración da Semana da Ciencia atraerá ao campus centos de estudantes de bacharelato

Venres e sábado celebraranse no centro da cidade os talleres ‘Un mar de ciencia na rúa’

D. Besadío | Vigo
Incitar o pensamento, provocar a curiosidade e divertir a un público o máis amplo posible. Estes son os principais obxectivos da Semana da Ciencia, un evento de carácter europeo que enche o mes de novembro de actividades coas que amosar á sociedade, dun xeito ameno e accesible, como a ciencia está presente nas súas vidas. É a escusa perfecta para que facultades e escolas abran as súas portas, sobre todo ao futuro alumnado, e amosen como a ciencia e a tecnoloxía están presentes nas súas vidas, desde as cousas máis cotiás ás máis sofisticadas. A ETSE de Minas leva anos facéndoo -o seu programa de actividades foi recoñecido xa con diferentes premios- e este ano súmanse outros centros, entre eles, a Facultade de Ciencias do Mar e o Centro de Investigación Biomédica, Cinbio.

750 estudantes na X Semana da Ciencia da ETSE de Minas

Na ETSE de Minas a celebración da Semana da Ciencia será especialmente intensa ao coincidir a décima edición da organización deste evento co 25 aniversario da titulación na Universidade de Vigo. Será do 21 ao 25 de novembro e teñen xa confirmada a asistencia de 750 alumnos e alumnas procedentes de 20 centros de ensino secundario. “Apenas quedan ocos para vir, esta convocatoria foi todo un éxito, de feito cubríronse a maior parte das prazas antes de facer o envío da información aos centros”, explica a directora da escola, Natalia Caparrini, orgullosa da difusión que está a alcanzar a SdC da ETSE de Minas nos institutos.

Divididos en diferentes quendas –seis por día-, e guiados por estudantes da propia escola, os mozos e mozas que participen nesta actividade terán a oportunidade de facer unha visita guiada polas dependencias da escola na que poderán achegarse a diferentes espazos de aprendizaxe/divulgación lúdicos e informais como se dun museo interactivo se tratase.

Haberá demostracións activas de manexo simulado de explosivos, toma de imaxes cunha cámara termográfica, actividades manipulativas… e, este ano, incluirán tamén un areeiro de realidade aumentada. “Todo un conxunto de dispositivos que engaden información virtual á información física xa existente, neste caso engadimos información topográfica sobre o areeiro, unha tecnoloxía coa que se poden facer simulacións con moitas aplicacións en diferentes campos”, explica Caparrini.

un-mar-de-ciencia

Un mar de ciencia na rúa e máis cousas en CC do Mar

Na Facultade de Ciencias do Mar, na que tamén se celebra o 25 aniversario da posta en marcha destes estudos, as actividades de celebración arrancan este mércores cunha conferencia de Carlota Escutia, a representante española no programa internacional de perforacións oceánicas IODP (International Ocean Discovery Program), cuxa finalidade é a exploración da Terra baixo o mar. “É unha persoa que ten moita experiencia no estudo sedimentolóxico de marxes e concas oceánicas con aplicacións de carácter paleoceanográfico e paleoclimático, entre outros”, explica Belén Rubio, decana do centro.

Tras o paso de Escutia, as actividades transladaranse á rúa do Príncipe onde se van celebrar os talleres Un mar de ciencia na rúa, organizados de xeito conxunto co Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC co obxectivo de achegar as Ciencias do Mar á sociedade de maneira didáctica e divulgativa. Haberá actividades de 10.00 a 20.00 horas e, dende a facultade viguesa participan con tres talleres: Océanos de Plástico, dirixido a dar coñecer os problemas que causan os plásticos nos océanos; A importancia das dunas, para axudar a descubrir e a importancia destes ecosistemas nunha praia, e Un océano ácido, orientado a falar sobre as consecuencias da acidificación dos océanos debido á actividade humana.

Portas abertas no Cinbio

No caso do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, elixiron celebrar esta data con dúas xornadas de portas abertas para alumnado de formación profesional, a primeira foi xa o pasado día 10 e a seguinte será este xoves 17. “Visítannos 25 alumnos cada un dos días e, ademais de participar nunha visita guiada polo centro, asisten a varias conferencias de distinta temática por parte dos nosos investigadores e resto de persoal”, apunta África González, directora do centro, que explica tamén que entre os participantes están os grupos de Inmunoloxía, Química Coloidal, Nerofisioloxía, Histoloxía e Cultivos Celulares.

Share This