igrexa nova 1

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (XIII)

Os seus lugares

Igrexa de San Xaquín

Esta igrexa, dedicada a San Xaquín, construíuse na década dos 60 da man do Instituto Nacional de Colonización, cando tamén se construíu o novo barrio de Curro, centralizando os edificios públicos e demais espazos como o almacén, escolas, vivenda dos mestres, do cura e do médico.

É de planta lonxitudinal máis un anexo lateral no oeste onde se atopa a pía bautismal. A cabeceira está orientada ao norte e os pés ao sur, polo que non responde aos criterios cristiáns de orientación dos templos (cabeceira ao leste e os pés ao oeste). As paredes son de pedra de granito encintadas na parte baixa. Na parte superior as paredes están pintadas de branco. A cuberta é de tella curva do país a dúas augas. Coroando o cume da fachada principal ten tres cruces de ferro. As fiestras son de cemento con fragmentos de vidro de cores variadas a modo de vidreiras. A parte central da fachada principal está decorada con azulexos de cerámica branca con motivos azuis. No centro da parte superior hai unha cruz cos catro evanxelistas e nun dos laterais unha inscrición:

“SANTO+SaN+XAQUINCIÑO+da+ILLA +DAINoS+UN+VenTIÑO+EN+POPA+PRA +cHEGAr+O+a+NoSO+POrTo+QuE +TEMOS+A+VeLA+RoTA”

Noutro lado da cruz hai unha inscrición:

“ESTA+ILLIÑA+GaIIEGa+DeFENSa+da +NoSA+RIA+E+DeVoTa+A+SaN+XaQuiN+O +Pai+da+VIRXeN+MaRIA+”

Arredor das xambas da porta de acceso hai varias escenas relixiosas.

Na parte posterior da igrexa atópase o campanario, feito en formigón cun vano na parte central e un balcón na parte alta, á altura da campá. O acceso está na parte posterior por unha escaleira de ferro pola que se accede á parte máis alta.

Ao norte da igrexa hai unha pequena construción medianeira coa parede leste da igrexa, de menor altura, que se corresponde coa sancristía. Recuberta de pedra de granito, coa parte alta pintada de branco. A cuberta é de tella, a dúas augas. As fiestras atópanse na fachada leste e na parte posterior. Ten acceso pola parte sur, en concreto pola parte porticada da fachada que se corresponde co palco da festa, xusto diante do cruceiro. Este lugar é onde se celebra, no mes de agosto, a festa de San Xaquín, funcionando ás veces como palco da música.

Imaxe destacada: igrexa de San Xaquín construída na década dos 60 © Santi Boado Aguinaga

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Share This