illote cabrón

Así o certifican os resultados de varios experimentos desenvoltos na Ecimat

As rías atlánticas actúan como refuxios microclimáticos para determinados tipos de algas

A investigación forma parte da tese de doutoramento dunha investigadora da Universidad Rey Juan Carlos

Duvi | Vigo
As invasións biolóxicas e o cambio climático constitúen unha das principais ameazas para a biodiversidade e ante as dificultades deste escenario algúns lugares, entre eles as rías da costa atlántica, actúan como refuxios microclimáticos onde determinados tipos de especies atopan as condicións ideais para sobrevivir. Entre estas especies está un tipo de alga, Fucus serratus, denominada por moitos como enxeñeira de ecosistemas, xa que proporciona refuxio e comida a un gran número non só de especies de algas, senón tamén de invertebrados e peixes. Factores medioambientais fixéronlle contraerse en moitos lugares, ata o punto de desaparecer completamente na zona centro-oriental do Cantábrico, mentres que na costa atlántica galega parece non estar sometida á presión desas áreas, en parte debido aos procesos de afloramento que se dan e que enriquecen e arrefrían as augas das rías atlánticas.

rías 1Disco de reclutamento en diferentes fases do experimento na rí­a de Arousa Foto: Ana Garcí­a

Estes datos son parte dos resultados de varios experimentos levados a cabo por investigadores da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid na Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat, baixo a dirección da investigadora do grupo de Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo Celia Olabarría. Centrados no estudo das dinámicas poboacionais, estes estudos forman parte da tese de doutoramento de Ana García, da URJC, un pormenorizado estudo sobre os factores determinantes das contraccións e expansións na distribución de especies fundadoras costeiras en escenarios de cambios climáticos.

A temperatura da auga condiciona a distribución das especies

As autoras e autores do estudo lembran que a distribución das especies está determinada principalmente polo clima o que, nun escenario de quentamento global, fai que este factor xogue un papel moi importante. “De feito, xa se produciron cambios bioxeográficos e fenolóxicos como resposta a este quentamento”, indica Óscar Álvarez, un dos investigadores da Universidad Rey Juan Carlos implicados no proxecto, que fai fincapé en que, aínda que estes cambios se dan tanto nos sistemas terrestres como nos mariños, nestes últimos a resposta ao cambio climático é máis rápida e brusca, principalmente nas zonas intermareais, onde as especies viven en torno aos seus límites de tolerancia térmicos máis altos, de forma que presentan menor capacidade de resposta fronte a futuros aumentos de temperatura.

rías 2Diferentes intres da montaxe experimental na Ecimat Foto: Oscar Álvarez

No caso concreto das algas, a distribución esta condicionada, segundo indican, pola temperatura da auga, de maneira que o seu incremento en sistemas costeiros está provocando cambios na distribución e abundancia de especies fundadoras de macroalgas, modificando a estrutura das comunidades. Non obstante, hai que ter en conta outros factores físicos, tanto climáticos (temperatura do aire), como non climáticos (salinidade, radiación activa fotosinténtica, radiación ultravioleta…) que condicionan a distribución destas especies.

A parte experimental da investigación levouse a cabo en varias fases

Os resultados dos experimentos levados a cabo na Ecimat indican que a permanencia a longo plazo de Fucus serratus “dependerá da supervivencia e crecemento das primeiras etapas do ciclo de vida que, xeralmente, son máis susceptibles aos niveis de estrés”, recalca Álvarez, que lembra tamén que nas zonas mornas as condicións ambientais máis estresantes prodúcense durante o verán, cando os períodos de emersión son máis intensos.

A parte experimental da investigación levouse a cabo en varias fases: unha primeira na que os individuos se someteron a condicións de estrés (catro semanas); unha segunda de aclimaticación (outras catro semanas) e unha terceira de retorno á poboación de orixe: rías de Arousa e Muros na zona Atlántica e praias de Peizás e San Pedro na costa cantábrica.

Imaxe destacada:

O illote Cabrón ao pe do monte da Guía no interior da ría de Vigo © Santiago Boado Aguinaga

Share This