arnau

Entrega de galardóns dos concursos de fotografía e debuxo biolóxico

San Alberte reparte premios na Facultade de Bioloxía

Xurxo Mariño participou na celebración do patrón cunha particular charla sobre a evolución do sistema nervioso

D. Besadío | Vigo
Pola súa calidade, creatividade, orixinalidade… a Facultade de Bioloxía culminou este martes os actos de celebración do seu patrón, San Alberte, coa entrega de premios dos concursos de Fotografía e Debuxo Biolóxico. Foi o fin de festa a toda unha semana de celebracións nas que non faltaron, ademais dos concursos, as exposición e as charlas divulgativas, a última hoxe mesmo coa participación do coñecido divulgador científico Xurxo Mariño. “Son distintos motivos para buscar a participación activa de todos os membros da facultade, sobre todo do colectivo do alumnado, que con este tipo de actividades ve o centro como algo máis no que un lugar no que formarse”, explicou o decano, Jesús Míguez, “moi satisfeito” co grao de implicación do estudantado nas celebracións.

Últimos raios de verán, 1º premio do Concurso de Fotografía

Se para alguén foi especial esta mañá foi para María Fustes, estudante de Ciencias do Mar e flamante gañadora do primeiro premio do Concurso de Fotografía Biolóxica por Últimos raios do verán, unha fotografía dun lagarto aproveitando os derradeiros latexos da tempada estival. “Lévome presentado a moitísimos concursos de fotografía e esta é a primeira vez que gaño algún”, admitiu emocionada a alumna tras recoller o premio de mans do decano. “A fotografía é unha paixón que herdei de meu pai”, subliñou Fustes, ao tempo que apuntou que “encántanme os animais e a observación de especies, de aí tamén que me decantase por unha imaxe dun lagarto autóctono de Galicia que está en perigo de extinción”.

O segundo premio e un dos accésits foron para dous estudantes de mestrado. Gabriela Lama, do Máster de Biotecnoloxía Avanzada, acadou o segundo premio por Camuflaxe, unha imaxe dun fondo mariño, e Nelson Reboreda, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, un accésit por Involución, instantánea desoladora das consecuencias dos incendios forestais. Ademais entregouse tamén un accésit ao traballo Unha folla con vistas, do estudante de Bioloxía Anxo Méndez.

Un debuxo a lapis de dous colibrís, 1º premio de Debuxo Biolóxico

Esta foi tamén unha mañá diferente para Leticia Lage, traballadora do Servizo de Reprografía do Edificio de Ciencias Experimentais e gañadora do primeiro premio do Concurso de Debuxo Biolóxico coa obra Supervivencia, un debuxo a lapis de dous colibrís. “É unha versión moi sinxela pero, á vez, tamén fascinante”, explicou Anxo Méndez, da Delegación de Alumnado Lynn Margulis, que se encargou da coordinación do concurso.

Como a creatividade e o gusto pola bioloxía non entende de idiomas nin de fronteiras, o segundo premio foi nesta ocasión para o estudante francés, Jim Carbonel Rabocelli, autor de Gaia, “unha obra moi particular que aparentemente é unha libélula pero na que se mesturan elementos doutros animais”. E, xa para completar, o terceiro premio foi para Andrea Mª Tajes Morenza, pola obra Curiosidad.

premiados

Parte dos gañadores e gañadoras coa vicedecana e o decano da facultade

‘Viaxando’ pola evolución do sistema nervioso con Xurxo Mariño

Previo á entrega de premios o neurocientífico e profesor da Universidade da Coruña Xurxo Mariño, un dos nomes máis recoñecidos no eido da divulgación científica en castelán e galego, impartiu ao alumnado e profesorado do centro unha particular charla na que narrou a evolución do sistema nervioso humano ata chegar á mente autoconsciente, toda unha viaxe, “breve pero fascinante”, subliñou o autor, para tratar de dar resposta a unha pregunta: Para que nos serve a mente?

Imaxe destacada:

Imaxe gañadora do primeiro premio do Concurso de Fotografía Biolóxica de María Fustes, estudante de Ciencias do Mar.

Share This